Thursday 16 de May de 2024

A Xunta reitera o seu “compromiso constante e estable” á Orquestra Sinfónica de Galicia que prevé ampliar este ano


O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, salienta no Parlamento o esforzo orzamentario que se vén incrementando un 25% nos últimos anos

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, reiterou hoxe o apoio á Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) coa que o Goberno autonómico ten un compromiso constante e estable. Así o manifestou hoxe no Parlamento de Galicia onde indicou que se trata dunha das institucións ás que o Goberno autonómico destina máis fondos dun xeito crecente desde 2015.

Como explicou, desde ese ano, a achega da Xunta medrou un 25% sendo isto “un claro indicador do importante esforzo orzamentario e o compromiso do Goberno galego co mantemento da Orquestra Sinfónica de Galicia, que agardamos complementar con novos apoios durante este ano no marco do Xacobeo 2021”, engadiu.

O representante da consellería de Cultura, Educación e Universidade destacou tamén que o Goberno autonómico apoiará a programación lírica na cidade da Coruña, grazas á recente colaboración coa Asociación de Amigos de la Ópera da Coruña aprobada no Consello da Xunta a semana pasada coa que a Xunta achegará 200.000 euros. “Aumentamos un 33% o noso apoio reforzando así a un xénero musical no que a Asociación é referente dentro e fóra de Galicia e cuxa programación está a ser clave para unha maior proxección do traballo dos cantantes, compositores e músicos galegos no ámbito da lírica”, expresou.

Anxo M. Lorenzo recordou que o Goberno autonómico é sensible con todas as expresións artísticas e no caso da lírica agradeceu o esforzo de centos de profesionais para superar a situación actual. Comprometeu todo o apoio da Administración autonómica e apuntou tamén á importancia da colaboración doutras administracións no apoio á OSG manifestando o desexo do Goberno autonómico de que todas contribúan ao seu impulso.

Como dixo, a Sinfónica ten tamén investimento do Concello e da Deputación, sen embargo “o Estado non participa ao nivel que noutras comunidades autónomas”. Neste sentido, Anxo M. Lorenzo afirmou que a programación lírica coruñesa “está marxinada nos orzamentos estatais e queda sen incremento prometido para equipararse ao resto de España, mentres que si crece noutras cidades españolas”.

Plan Reactivación
Tamén no Parlamento de Galicia, o secretario xeral de Cultura da Xunta puxo hoxe en valor o alcance do Plan de Reactivación da Cultura da Xunta en marcha desde o ano pasado froito dun traballo dialogado co sector cultural e que vén de ser reforzado agora con 23 millóns de euros máis para seguir contribuíndo á progresiva volta á actividade dos profesionais, preservar o emprego e incentivar o consumo.

Referiuse á continuidade que se lle está a dar a esta folla de ruta “viva e dinámica” con distintas accións en marcha desde principios deste ano. As últimas iniciativas foron aprobadas onte mesmo no Consello da Xunta, con preto dun millón de euros destinados a unha nova liña de apoio para as salas de cine e dúas máis para festivais de música e de artes escénicas.